Noticias‎ > ‎

SANIDADE PREPARA A CONSTITUCIÓN DO CONSELLO REITOR DO CONSORCIO ONCOLÓXICO DE GALICIA

publicado a la‎(s)‎ 21 mar. 2012 4:49 por Pepe Losada   [ actualizado el 21 mar. 2012 4:58 ]

A Coruña, 20 de marzo de 2012.- A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, presidiu a reunión preparatoria para a constitución do Consello Reitor do Consorcio Oncolóxico de Galicia, que estará integrado por sete membros, dous designados pola Consellería de Sanidade, dous polo Servizo Galego de Saúde, dous polo Centro Oncolóxico, e un polo Concello da Coruña, segundo recolle o Decreto 141/2008 do 19 de xuño, polo que se constitúe e regula a composición e as funcións do Consorcio Oncolóxico de Galicia.

As institucións integrantes do Consorcio –Sanidade, Concello e Fundación Centro Oncolóxico Rexional José Antonio Quiroga y Piñeyro-, acordan que o Consello Reitor estará constituído polo xerente, a directora de Procesos Asistenciais, e o director de Recursos Económicos da Xerencia de Xestión Integrada de A Coruña; pola subdirectora Xeral de Planificación e Ordenación Asistencial do Servizo Galego de Saúde; polo director xerente da Fundación Centro Oncolóxico de Galicia; o director médico da Fundación Centro Oncolóxico de Galicia; e o primeiro tenente de alcalde do Concello de A Coruña.

Entre as primeiras encomendas que levarán a cabo estarán definir o regulamento interno do consorcio e as súas políticas sanitarias.

Asistencia oncolóxica especializada

O Consorcio Oncolóxico de Galicia ten como obxectivos específicos a educación sanitaria, a promoción da saúde e a prevención da enfermidade en materia oncolóxica; a atención especializada en réxime extrahospitalario e hospitalario; e as actividades de coñecemento nos ámbitos de sanidade e das ciencias da saúde, da docencia, da investigación, a formación, a bioética e os sistemas de información; e, tamén, o pulo dado ao desenvolvemento das tecnoloxías e dos recursos para mellorar a calidade da prestación sanitaria.

A actuación deste Consorcio está enmarcada no marco xeral da Estratexia Galega contra o Cancro, que aborda toda a actuación e resposta en materia oncolóxica da Administración sanitaria galega, en marcha dende maio de 2010. Rocío Mosquera lembrou que “tal como recolle tanto a Estratexia Sergas 2014 como a Estratexia Galega contra o Cancro, o número de profesionais involucrados na atención ao cancro, e a propia complexidade do proceso diagnóstico-terapéutico, converten a comunicación e coordinación nun aspecto central; e o xeito en cómo se organizan inflúe na  toma de decisións sobre o diagnóstico e tratamento do cancro, así como no seguimento dos pacientes”.

Neste senso, a conselleira de Sanidade destacou que o Consorcio supón unha mellora de organización tanto da atención multidisciplinar oncolóxica, como dos servizos fundamentais no diagnóstico e o tratamento do cancro.

A importancia da asistencia sanitaria en materia de oncoloxía nas xerencias de xestión integrada de A Coruña e Ferrol esixe e xustifica a concepción e o deseño dun consorcio como organización idónea para facilitala acción conxunta e coordinada das administracións públicas e institucións implicadas a través dun marco estable.

Membros do Consorcio galego

O Consorcio Oncolóxico de Galicia é unha entidade de dereito público, de carácter asociativo e voluntario, integrado pola la Consellería de Sanidade, o Servicio Galego de Saúde, o Concello de A Coruña e a Fundación Centro Oncolóxico Rexional José Antonio Quiroga y Piñeyro.

A Consellería de Sanidade é a encargada de colaborar na determinación das súas políticas sanitarias a través dun contrato-programa, e o Servizo Galego de Saúde contribúe co financiamento necesario para a prestación da asistencia sanitaria e subscribe o contrato programa co consorcio. Este contrato-programa contén a poboación de referencia a que atende o Consorcio, o volume de actividade, así como tamén os requisitos de calidade e seguridade que deberán cumprir os servizos sanitarios.

Doutra banda, a Fundación Centro Oncolóxico Rexional José Antonio Quiroga y Piñeyro contribúe coa totalidade da capacidade asistencial do Centro Oncolóxico, e o Concello de A Coruña autoriza o uso compartido do inmoble e terreos onde se localiza o centro.

Fuente: Consellería de Sanidade